Hoxe é un día importante; estamos de aniversario!
É 9 de febreiro, e hai 13 anos que comezamos unha aventura que xa entrou na adolescencia. Idade complexa, onde un ten que ir definíndose nunha chea de asuntos, tomar decisións de cara ó futuro; unha idade tola, onde nos volvemos todos un pouco "tarabelos" e temos necesidade de probar, desafiar, reestructurar... Tarabelos é un adolescente e vólvese, as veces, complexo torealo. Ten tantas cousas novas na cabeza que lle gustaría sacar ó escenario... que non da feito!
E eu dígolle:
-Unha cousa, e despois a outra.
Pero é terco de mente e non para de darlle voltas a cabeza para sacar dela algo interesante, que fale ó corazón da xente, que transmita aquelas antigas historias que non deben desaparecer, que comparta novas historias e personaxes, que faga que un neno e un vello disfruten xuntos, e conten xuntos, e rían xuntos. Algo que faga medrar as mentes, a imaxinación, a risa... Algo que axude a estar mellor, a superar, a pensar, a relacionar, a compartir...
Non sei que vou facer con él. Pero non ten paraxe...
Tarabelos non é o bebé de hai 12 anos, nin o neno de hai 9 anos, Tababelos é un adolescente... Seguimos cumprindo anos si Deus quere, e xa maduraremos, supoño.
Grazas a todos os que confiastes en Tarabelos para as vosas programacións, gracias a todos os que vos sentastes nas butacas ou no chan, grazas á familia, grazas á Tarabela e a Tarabeliño, grazas a Deus.
Estou pensando, que haberá que facer algún tipo de festa. Non? Para celebralo e para agradecelo, Tarabelos volve a regalar unha actuación gratuita onde ti queiras e a que ti queiras; si che toca.
E si chegaches a ler isto, é porque leiches o rollo anterior, xa merecerías o premio, pero non pode ser asi, jajajaja. Vouvos contando.
Unha aperta.