domingo, 9 de febrero de 2014

Hoxe abrín os ollos...

Hoxe abrín os ollos pola mañá e o peso da idade caeume enriba con certa brusquidade. Non é o meu cumpre anos. Pero as veces hai outros acontecementos que fan que un  bote a vista atrás e sinta o mesmo vértigo que cando sobes a unha árbore ben alta. Pasar de póla en póla as veces é moi doado, e outras complicadísimo, porque non hai onde poñer os pes. Hai algúns avances tan complexos que chegas a pensar que non paga a pena mais esforzo. As veces tes que baixar catro ramas mais abaixo para seguir pola outra cara do toro, despois de experimentar que polo outro lado xa non hai posibilidade de subir mais. É unha experiencia horrible cando xa estás a certa altura,agarrado a unha póla ancha e confiado de ter boa base; e cando todo o peso do teu corpo está cargado sobre ela todo rompe como se fose palla seca e descobres, entón, que a póla estaba podrecida; menos mal que non era o único apoio.
Pero todo isto compensa coas chegadas a cada balcón; quero dicir: o chegar a aqueles puntos onde a follaxe permite unha boa vista da fermosa paisaxe que forma os arredores da árbore. Pode que aquela paisaxe xa estivera antes alí (ou non), pero o certo é que de non ter subido a aquela árbore, non sería nunca posible apreciar aquelas cores, aqueles sons, aquela vida que corre e voa o redor dun piñeiro. E cando estás mais alto, as vistas son mellores, moito mellores.
O malo é cando topas un oco entre as pólas e podes botar un ollo vertical seguindo o eixe do tronco ata ver como as raíces se cravan na terra; entón o vértigo é considerable. Un calafrío corre polas costas dende o cu ata chegar o pescozo, a altura das orellas. Pero toda esta experiencia é marabillosa e estou agradecido por ela.
Hoxe tarabelos cumpre oficialmente dez anos; gracias a todos!!